Monday 06 de May de 2024

As bailarinas de Gloria López recalan na Casa da Cultura de Fene


A exposición da pintora aresana inaugúrase este venres e poderá visitarse en Fene até finais do mes de xaneiro

Este venres, 29 de decembro, ás 12.30 horas, inaugúrase na Casa da Cultura de Fene a exposición “Mujeres envueltas en poesía”, de Gloria López. Trátase dunha mostra de pintura na que as protagonistas son as “bailarinas”, personaxes que sempre chamaron a atención da artista “pola súa beleza, dificultade e sacrificio”. A exposición complétase cunha serie de poemas, inspirados nas pinturas. “Mujeres envueltas en poesía” permanecerá na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura até o vindeiro 30 de xaneiro. Poderá visitarse ao longo do Nadal en horario de mañá, de luns a venres (agás festivos), de 10.00 a 14.15 horas. E, a partir do 8 de xaneiro, o horario será de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.

Gloria López (Ares, 1953) explica que “a unha idade temperá espertou en min a afección pola pintura, á que só me puiden adicar nos ratos libres, logo de traballar. Na actualidade, xa xubilada, a miña dedicación á pintura é maior, aínda que outras ocupacións me impiden pintar polo día, así que o fago polas noites. Participei en varias exposicións colectivas en Ares, Mugardos e Sada, e tamén en individuais en Pontedeume e Ares. Adoito pintar paisaxes e bodegóns, pero o que me entusiasma é a pintura figurativa e os retratos. Nesta exposición a temática son as bailarinas que sempre chamaron a miña atención pola súa beleza, dificultade e sacrificio. A exposición chámase “Bailarinas envueltas en poesía” porque cada unha me inspirou unha historia que expoño ao seu carón en forma de poesía e que agardo e desexo que o público desfrute tanto coma min”.